Monday 16 de September de 2024

O BNG anima á veciñanza da Barbanza a “apostar polo equipo da casa”


Antía Alberte pon o traballo feito polo BNG en Bruxelas en defensa do País como aval para pedir o apoio dos galegos e das galegas o próximo 9 de xuño.

O BNG comezou a campaña electoral asegurando que “Galiza xógase moito” nas eleccións europeas, de aí a importancia de “estar no Parlamento Europeo con voz propia, libre e sen ataduras para defender aos galegos e ás galegas”, recalcou o alcalde de Ribeira xunto á candidata ribeirense, Antía Alberte.

Pérez Barral explicou que o BNG concorre á cita electoral coa ilusión e co ánimo de traballar para acadar o escano galego. “A candidatura do Bloque, encabezada por Ana Miranda, é a candidatura de País, a que todos os galegos e galegas poden sentir como propia” afirmou. “Sábeno ben as ducias de colectivos e os centos de persoas que foron a Bruxelas da man do BNG para trasladar as problemáticas e demandas dos nosos sectores produtivos, dos nosos concellos ou das diferentes loitas sociais. Se estiveron presentes no Parlamento Europeo todos estes temas relevantes para o país, foi grazas ao BNG.

A candidata ribeirense, Antía Alberte Maneiro, actual concelleira de Cultura, Medio Ambiente, Xuventude e Benestar Animal en Ribeira, animou a unha gran mobilización o 9 de xuño para reforzar o escano galego do Bloque da man de Ana Miranda que, segundo subliñou, servirá para defender os intereses do País en Bruxelas, pero tamén para contribuír á construción doutra Europa posible.

“O BNG aposta pola experiencia pero tamén mocidade, por iso animo a que todo o mundo vaia votar e confíe no proxecto que presentamos porque se non imos outros decidirán por nós e iso case sempre implica que deciden contra nós”.

Neste sentido, recalcou que o escano nacionalista servirá para defender os sectores produtivos porque temos un país con moito potencial e debemos ter a posibilidade de producir ao tempo que coidamos do medio.

“Somos o equipo da casa, o único que vai defender as cores de Galiza dende a razón e o corazón e con toda a nosa forza porque a nosa única lealdade é cos galegos e coas galegas”, concluiu Alberte.